Alberto González Prelcic

Alberto González Prelcic, defensor da cociña de tradición

Aínda que a súa traxectoria profesional transcorreu en Tui, coñece ben O Berbés e mais o seu mercado tradicional.
Miña nai, miña avoa e miña bisavoa naceron e criáronse entre os barcos do Berbés. A miña nenez transcorreu paseando entre as praceiras. O meu ADN é cen por cen vigués e por iso estou tan feliz de volver á casa e á mellor localización posible. O antigo  edificio do Mercantil ten unha historia espectacular, a reforma de Alfonso Penela é un privilexio e queremos facelo moi ben.

Sempre tivo claro que se dedicaría á cociña?
Fixen ata terceiro de Dereito, pero decateime de que non era feliz e decidín reconducir os meus estudos. Na miña casa, a cociña sempre tivo un peso fundamental. De neno axudaba a miña nai, axiña empecei a cociñar só, de maneira informal, pero non mo propoñía de forma profesional. Iso xurdiu máis adiante. Diplomeime no Centro Superior de Hostalería de Galicia e traballei en diferentes restaurantes ata que, en 2008, decidnme a encabezar un proxecto propio en Tui.

Afectoulles arrincar coincidindo co estalido da crise?
Seguramente empezamos no peor momento posible e o percorrido puido ser outro noutras circunstancias. Foron anos de moito esforzo e o bo é que chegaron recoñecementos que axudaron a que as cousas saísen adiante.

Que fai diferente a súa cociña nun universo gastronómico tan variado e rico coma o actual?
A miña cociña está moi arraigada na tradición. Ten un fondo acento galego. Os meus pratos saben a fume, a unto, a caldeirada..., e todo iso cun marcado selo persoal que busca achegar cousas novas. Pero non cociño para abraiar, para a crítica ou para que outros cociñeiros vexan o moito que sei. Cociño con sabor, respectando o produto e pensando na xente. Non me gusta a cociña excesivamente técnica. Para iso hai grandes restaurantes en España, que se dedican á vangarda pura. A miña filosofía é cociñar rico e con respecto aos sabores da terra, aínda que sempre abertos ao mundo.

Extracto da entrevista a Alberto González Prelcic realizada por A. Méndez, no Faro de Vigo (07.01.2018)