imaxe da cociña dende o restaurante
cocochas de bacallau
filloa e melocotón

Verán do 2020

O tempo é estival, parece que todo segue o seu curso pero este, non é un verán calquera. Despois de catro meses pechados pola  COVID, levamos un mes en que tivemos que aprender novas formas de facer. Aínda que todo parece volver á rutina, nada é como sempre. 

É verdade que as novas normas de seguridade non nos prexudican moito, na medida que xa as cumpriamos antes, reforzámolo e sentimos aínda máis a responsabilidade de que non haxa ningún fallo, pero a iso afixémonos deseguido. Tampouco tiñamos as mesas pegadas polo que non tivemos que reducir moito a capacidade. O produto segue chegando, saltámonos a tempada de primavera, –que mágoa sentimos sobre todo por non poder gozar da lamprea– pero agora temos o pescadiño de rocha, o marisco que este ano está moi bo e a un prezo razoable, pero aínda así, este non é un verán máis.

É unha diferenza intanxible, está no ar, nas miradas sobre as máscaras, quizais o estar máis concentrados en cada paso, o ser conscientes de vivir unha experiencia sen igual… creo que o lembraremos como o verán que nos fixo superar un chanzo máis e sentímonos verdadeiramente orgullosos de estar a conseguir sacar ademais uns pratos espectaculares, eses que vos fan brillar os ollos e que ao vervos desde a cociña pensamos que por iso, calquera esforzo merece a pena.

Vigo, 2020