Alberto na entrada de silabario

Unha estrela brila en Silabario

Vigo, 14 de decembro

A Guía Michelin España e Portugal 2021 concedeu unha Estrela Michelin ao noso restaurante “pola cociña con sabor e fundamento, de forte raíz tradicional, pero do s. XXI”. 

Abrimos o novo restaurante hai dous anos, en marzo do 2018, e non podemos dicir que o camiño fose fácil, en especial este ano, con practicamente a metade del pechados; malia iso pelexamos por manter o espírito que nos impulsou xa en Tui a abrir o primeiro Silabario, onde recibimos a primeira Estrela  Michelin (2011) e o primeiro sol Repsol (2014). 

En Vigo seguimos estando preto da fronteira, esa que nos permite atopar parte da nosa identidade en pratos como a lamprea do río Miño, á vez que temos ao pé do restaurante o porto e o mercado do Berbés, co que nos sentimos tan relacionados que lle puxemos o seu nome a un dos nosos menús.

A Guía Vermella destaca precisamente esa forte identidade que proxecta toda a cociña de Alberto en Silabario, buscando nas raíces para transmitir os sabores puros e honestos. En contacto directo co produto de proximidade, co mar, o río e a terra. Cociñado a lume lento, con prácticas gastronómicas que melloren e fomenten a sustentabilidade e o medio ambiente, porque somos parte desta terra e queremos deixala como nola entregaron. 

Nesta edición da Guía Michelin España e Portugal 2021, ademais, temos que celebrar tres Estrelas máis para Galicia: a Iñaki Bretal, a Miguel González e a Javier Olleros! E outros tres distintivos verdes que significaron a Pepe Vieira, a Olleros e a Marta e Roberto. Felicidades amigos/as.