Os seis pratos "top" do 2020
Este ano, sen dúbida, pasará á historia polo COVID 19, pero resistímonos a lembrar só o malo, así que nos propuxemos seleccionar seis platazos que foron os vosos –e tamén os nosos– preferidos e dos que algún, de certo, pasará a ser un dos clásicos de Silabario.
Están todos moi preto do prato soñado por Alberto…: un con moito sabor, elaborado con produto de tempada e, por suposto, de produción sostible:
- Cigala en sopa de congro e chícharos
- Polbo da ría lacado nun mollo de nécoras e verza rizada
- Cocochas de bacallau á grella, pil-pil de piparras, fungos e balsámicos
- Lamprea á bordelesa
- Galo de Mos estufado paseniño e espinacas á crema
E se seleccionamos o máis top de todos:
- Presa 5J á grella, cremoso de anchoas e charcutière
Para este prato o máis importante é seleccionar unha carne de calidade, despois deixamos que cure nunha mestura de sal groso e azucre por espazo de 1 hora, e a continuación preparamos un macerado de viño fino, pemento chouriceiro, wasabi, AOVE, tomiño e xenxibre. Envasamos nunha bolsa ao baleiro e, ao pase, dámoslle unha cocción a baixa temperatura en roner; por último, asamos á grella. Repousamos.
A salsa consiste nun caldo a base de pito, xamón, fungos e conservas en vinagre.
E para o cremoso empregamos anchoas, cebola tostada, puré de pataca, mostaza e alcaparra; por suposto, aceite de anchoas e anchoas trituradas.
Decoramos cunhas conservas en vinagre e gromos de mostaza.