ilustración peixe sapo (lophius piscatorius)
Rape alangostado

Peixe sapo “alagostado” de dona Pilar

Nos anos sesenta, para as comidas do Nadal, había un prato barato que lucía esplendoroso, era o peixe sapo “alagostado”. Daquela era un peixe de descarte, que servía para darlles sabor aos guisos, pero do que non se valoraba a súa carne –non como agora–. É unha receita fácil, que se pode preparar o día anterior ao xantar, o que pode ser moi cómodo se temos convidados.

Os ingredientes:

Lombo de peixe sapo
Pemento doce da Vera
Follas de loureiro
Aceite
Sal
Pementa

Limpar as teíñas do peixe sapo e sacar a espiña, secar e salpementar. 
Enzoufamos o lombo de aceite e despois de pemento doce, envolvémolo nun pano e atámolo cunha cordela para darlle forma de cola de lagosta; empezas pola cola e vas atando e formando as seccións do corpo. 

Poñemos unha cazola con auga e loureiro, e deixamos quentar ata que ferva, é entón cando mergullamos o peixe sapo, cun peso para que non flote. Deixamos cocer 15 minutos, aproximadamente; se non lle poñemos un peso darémoslle a volta na metade da cocción. Tamén se pode preparar ao vapor.

Sacamos o peixe sapo e gardámolo na neveira polo menos durante 8 horas.

Sérvese cortado en toros, sobre leituga picada u outros vexetais. Tamén poden elaborarse dous prebes para acompañar: unha maionesa e unha vinagreta. 

Bo proveito.


Receita de dona Pilar, veciña de Santiago de Compostela e sarriá de corazón.