A Sede: abrindo portas
O maxestoso edificio de "A Sede" aglutina case un século de actividade, noventa e un anos durante os que os seus muros foron testemuñas silentes dos devires da sociedade viguesa e que agora adquiren unha nova vida da man do RC Celta.
Non só respira historia este magnífico inmoble, senón cultura, mesmo dos seus primixenios piares. O seu arquitecto, Manuel Gómez Román, foi célebre a principios do século XX polas súas excepcionais creacións, enmarcadas no galeguismo arquitectónico, pero tamén polo seu estreito vínculo coa cultura galega. Vicepresidente da Editorial Galaxia e membro da Real Academia Galega, Gómez Román é un dos grandes responsables de que hoxe celebremos o Día das Letras Galegas.
Sen lugar a dúbidas, o arquitecto vigués estaría orgulloso de saber que unha das súas creacións, o actual fogar de "A Sede", acubillou durante a súa longa vida conversacións e charlas dalgúns grandes nomes da nosa literatura. Torrente Ballester, Otero Pedrayo, Blanco Amor…, son moitas as figuras literarias que encheron coas súas verbas e ideais as salas do antigo Círculo Mercantil de Vigo.
E lonxe de perderse esta relación coa cultura, a chegada do RC Celta vén a intensificala e a universalizala. Gastronomía, música, cine, deporte…, en apenas uns meses de vida, a nova sede do club vigués foi quen de abrirse a todas as formas culturais posibles e, ademais, facéndoo para o gozo de todos os cidadáns.
Que artistas iluminarán coas súas creacións o restaurado Salón Rexio? Algún comensal do Silabario será un futuro homenaxeado das Letras Galegas? Que novas historias e conversas estarán escoitando as paredes deste edificio eterno?
A Sede, un lugar no que a historia, a cultura e a sociedade converxeron durante décadas e que agora, nesta flamante etapa, abre as súas portas para que todos e todas poidamos escribir un anaco das súas novas memorias.