Un relato para namorar
Este é o primeiro relato que seleccionamos, a súa autora poderá degustar o Menú Tempo para celebrar o San Valentín coa súa parella.
[Na galería de imaxes podedes ver algúns dos nosos pratos da tempada 2019 que cita no relato]
Todo comezou hai un ano, o 3 de febreiro de 2019. Era domingo e a miña parella e mais eu decidimos ir xantar por primeira vez ao Silabario en Vigo.
Ese día, cando probei aqueles aceites, sales e manteigas artesás comecei a amar os rituais; eu, que son de natural caótico.
Ese día, ao ver os pratos en que nos servían o ovo con centola e as sobremesas, namoreime da vaixela; eu, que nunca lle dera importancia á decoración.
Ese día, ao tomar os callos de bacallau e a vieira asada como unha carne ao caldeiro, empecei a reconciliarme coa tradición; eu, que daquela comezaba a instalarme no foráneo.
Ese día, ao contemplar a ría de Vigo a través da cúpula acristalada, comprendín a síndrome de Stendhal; eu, que era escéptica con respecto á súa existencia.
En definitiva, ese xantar supuxo en min unha evolución comparable á que o Silabario representa nos sabores do noso imaxinario gastronómico. Por iso é sempre un pracer volver ás Raíces dende unha nova perspectiva.