celebrámolo?
celebrámolo?
celebrámolo?
Bo nadal

Conto de Nadal

Érase unha vez unha cidade varada nunha tranquila costa na que os veciños gozaban dun estupendo peixe, aínda que houbese tempo que coa chegada da industria deixara de ser unha cidade pescadora. Un dos primeiros en escoller as mellores pezas da praza era un chef que habitaba no alto dunha cúpula, no centro da cidade. Un día de Nadal, Alberto, que así se chamaba o chef, levantouse coma cada día coas primeiras luces e deu unha volta polo mercado, que tan ben coñecía, escolleu uns espléndidos rodaballos pensando: estes vounos preparar con salicornia, esa alguiña carnosa que fai unha meunière estupenda…, e deseguido escolleu o máis bonito dos bois mariños, para darlle esa esencia especial que fai redondo o prato, continuou polas verduras e mais a carne, ata que tivo todo seleccionado.

Cando chegou a hora da comida, el canda o seu equipo xa o tiñan todo preparado para o pase. Ese día estaban todas as mesas reservadas e, entre todas, destacaba unha no centro do restaurante, grande e redonda, para once persoas, co seu centro de mesa, os seus manteis e panos de mesa xa preparados. O trasfego empezábase a notar cos primeiros comensais, empezou o baile acompasado entre cociñeiros e camareiros…; todo ía ben, menos a mesa central, que seguía baleira. Alberto empezou a preocuparse e a pensar nos fermosos rodaballos e nas fresquísimas verduras que quedaban sen empratar. 

Cando marchou o último comensal, o cociñeiro e mais o seu equipo acabaron de recoller as mesas; estaban tristes, as ganancias do día esfumáranse porque fixera a compra pensando nas reservas; “isto estanos facendo máis difícil manter o restaurante en pé”, pensou o cociñeiro. E niso andaba a darlle voltas, cando viu que o bolígrafo que repousaba encima do libro de reservas empezaba a escribir só. Levantouse e foi ver o que estaba a escribir… 

“Estimado Alberto, sinto moitísimo non poder chegar a tempo para saborear os teus manxares como se merecen, con calma e co voso amable servizo…, pero o día foi máis complicado do previsto e tiven que utilizar a miña maxia para comelos; Alberto, sorprendido, levantou a mirada cara á cociña e, efectivamente, non había nin rastro de comida. Reitero as miñas desculpas –continuou lendo– e todo o noso agradecemento polo rico que estaba todo; o que máis nos gustou foi ese rodaballo con esa cremiña fina…, delicioso! Por suposto, a minuta xa está ingresada na conta. Bo Nadal!!”

Celebrémolo! 

 

Por certo, este ano ademais dos menús Berbés, Raíces e Tempo no restaurante, contamos con outros diferentes no servizo de catering en silabariogastronomia.com; mirade cal vos interesa máis…

E como non todos podemos facer maxia…, se reservades e logo cambiades de idea, ou non podedes vir, por favor, cancelade a reserva como mínimo dúas horas antes. O equipo de Silabario agradecerávolo infinitamente.